12 marzo 2026

Teatro | Son salvaxe!

O alumnado de 4º-5º-6ºEP preparouse para gozar dunha saída ao teatro para ver a obra Son salvaxe!, unha historia chea de emocións sobre a relación entre as persoas e a natureza.

A obra conta a historia de Mona, unha nena criada na selva por un gorila chamado Koko. Alí vive feliz, rodeada de natureza e animais, ata que un día os seres humanos invaden e destrúen o seu fogar. Mona é levada á civilización para ser educada e Koko acaba encerrado nun zoolóxico. Aínda que Mona aprende a vivir no novo mundo que lle impoñen, sente que algo moi importante lle falta.

Con valentía, amor e respecto pola natureza, Mona emprende unha aventura inesquecible para rescatar a Koko e recuperar aquilo que de verdade importa. A través desta historia, o alumnado puido reflexionar sobre temas tan importantes como a protección do medio ambiente, o coidado da biodiversidade, o respecto polos animais e a importancia de conservar as nosas paisaxes naturais.





09 marzo 2026

8M | Hoxe, mañá e sempre

Con motivo do 8M, o alumnado de Infantil e Primaria investigou sobre mulleres destacadas de diferentes ámbitos e plasmou a información nun maniquí a través dunha intervención artística colectiva. Esta creación leva por nome “Hoxe, mañá e sempre”, en referencia á canción de Tanxugueiras e Valeria Castro, como símbolo do recoñecemento ás mulleres que abriron camiño e da importancia de seguir construíndo igualdade cada día.

Un dos ámbitos que investigamos foi o medio ambiente e coñecemos mulleres que contribuiron de difrentes maneiras ao seu coidado.

Jane Goodall, dedicouse a estudar e protexer os chimpancés e a natureza.

Greta Thunberg, activista que anima a loitar contra o cambio climático.

Rachel Carson, científica que alertou sobre os perigos da contaminación.

Wangari Maathai, promoveu a plantación de millóns de árbores en África.

Vandana Shiva, defende a agricultura sostible.

Seguiremos observando e investigando para facer do noso entorno un lugar máis sostible e respectuoso coa natureza.


Escoita a canción “Hoxe, mañá e sempre” clicando no enlace.

https://www.youtube.com/watch?v=oo0kip8uhYU

Trípticos sobre a reciclaxe!

O alumnado de 6ºEP estivo traballando na materia de Educación en Valores Sociais e Éticos un tema moi importante: a reciclaxe.

Para aprender máis sobre este tema, elaboraron un tríptico informativo. Primeiro fixeron unha pequena investigación para descubrir e comprender mellor: que é a reciclaxe?; os distintos tipos de contedores e que residuos debemos botar en cada un deles; consellos para reciclar mellor no día a día, tanto na casa como na escola; información sobre SOGAMA e como xestionan os residuos en Galicia; etc.

Despois de investigar, organizaron toda a información e plasmárona nos seus trípticos, empregando textos claros, debuxos e cores para facelos máis atractivos e fáciles de entender.

Parabéns ao alumnado polo seu traballo. Mirade o resultado!

TRÍPTICO 1. 


TRÍPTICO 2.


TRÍPTICO 3.