17 xuño 2026

Dossier pedagóxico sobre as cegoñas

O alumnado de Infantil elaborou un dossier pedagóxico sobre as cegoñas no que recolleron todo o aprendido durante a súa investigación. Así, descubriron que as cegoñas proceden do norte e do centro de África e aprenderon tamén as partes do seu corpo: a cabeza, o pescozo, as ás, o peteiro, a plumaxe e as patas.

Investigaron como viven en familia e souberon que está formada por unha parella, composta por un macho e unha femia. Ademais, coñeceron unha das características máis curiosas das cegoñas: o son que producen ao bater os picos, chamado crotoreo.

Observaron que os pitos e as cegoñas novas teñen o peteiro e as patas de cor negra, mentres que nas cegoñas adultas estas partes son de cor laranxa. Tamén descubriron que se alimentan de peixes, ratos, larvas, vermes, insectos, crustáceos e moluscos.

En canto aos ovos, aprenderon que son de cor branca e que miden aproximadamente 7 centímetros, o que equivale a uns catro policubos. Tamén mediron unha pluma de cegoña, comprobando que pode chegar a medir 44 centímetros, é dicir, uns 22 policubos.

Con moita curiosidade e entusiasmo, os nenos e nenas investigaron, observaron, mediron e compartiron os seus descubrimentos, creando un dossier moi completo que lles permitiu coñecer mellor estas aves tan especiais.

Parabéns polo excelente traballo realizado!

13 xuño 2026

Viaxe escolar a Cantabria

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria realizou unha inesquecible viaxe escolar a Cantabria, unha experiencia na que puidemos aprender sobre a natureza, a historia e a importancia de conservar o noso patrimonio natural e cultural.

O primeiro día visitamos o Parque da Natureza de Cabárceno, un espazo único onde os animais viven nun entorno o máis parecido posible ao seu hábitat natural. Percorremos os seus máis de 20 quilómetros de estradas, rodeados de impresionantes desfiladeiros, lagos e curiosas formacións rochosas. Durante a visita observamos numerosas especies animais e reflexionamos sobre a importancia da biodiversidade e da protección dos ecosistemas para garantir un futuro sostible.








O segundo día achegámonos á Cova-Museo de Altamira, un lugar fundamental para comprender a vida dos nosos antepasados. Na exposición permanente coñecimos como vivían os grupos de cazadores e recolledores do Paleolítico, as súas costumes e a súa relación coa natureza. Tamén visitamos a Neocova, unha reprodución da cova orixinal que nos permitiu admirar os bisontes, cervos, cabalos e mans pintados hai arredor de 15.000 anos. Esta visita axudounos a valorar a necesidade de conservar o patrimonio histórico e cultural para as xeracións futuras.





Tamén paseamos por Santillana del Mar, unha das vilas máis fermosas e mellor conservadas de Cantabria. As súas rúas empedradas transportáronnos a outras épocas e permitíronnos descubrir a riqueza arquitectónica e cultural deste lugar.

Esta viaxe foi moito máis que unha saída escolar. A través da observación da paisaxe, do contacto coa natureza e do coñecemento da nosa historia, aprendemos que a sustentabilidade tamén implica respectar, coidar e conservar o patrimonio natural e cultural que herdamos. 

Foron dous días cheos de aprendizaxes e momentos inesquecibles.

09 xuño 2026

Saída didáctica a PoboAventura

O alumnado de Infantil e Primaria gozou dunha fantástica xornada en PoboAventura (Curtis), un espazo de ocio educativo e turismo de natureza situado na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O alumnado de Infantil e 1ºEP participou nunha busca de tesouros na natureza, percorrendo a contorna do río Carregal e seguindo pistas que os levaron a descubrir diferentes elementos que forman parte do ecosistema do río. A experiencia completouse cun contacontos de natureza, protagonizado por un neno e unha nena que, a través dunha historia interactiva no bosque, ensinaron como sentir, valorar e axudar á natureza. A xornada rematou con xogos populares.

O alumnado de 2ºEP, 3ºEP e 4ºEP converteuse en auténticos exploradores participando nunha actividade de rastrexo no medio natural. Durante unha ruta ao carón do río, tiveron que localizar pistas e superar probas relacionadas co ecosistema do río, poñendo a proba a súa capacidade de observación e traballo en equipo. Tamén realizaron a Xincana dos Pobos, unha auténtica viaxe no tempo a través do museo, onde descubriron como vivían os nosos antepasados. Convertéronse en primitivos, castrexos e romanos, participando en diferentes xogos e desafíos relacionados con cada época histórica. Ademais, gozaron dos ecoxogos, unha serie de actividades elaboradas con materiais naturais e de refugallo, que lles permitiron reflexionar sobre a reutilización e o aproveitamento responsable dos recursos.

Por último, o alumnado de 5ºEP e 6ºEP participou nas mesmas propostas, pero cun nivel de dificultade adaptado á súa idade. As probas incluíron retos máis complexos, actividades que requirían unha maior capacidade de análise e cooperación, así como unha interesante iniciación ao tiro con arco, que espertou un gran interese.

Mirade que ben o pasaron! 














08 xuño 2026

As nosas amigas, as abellas

Como xa vistes en entradas anteriores, este curso o alumnado de Infantil e Primaria realizou unha interesante saída ao Enredo do Abelleiro, onde puidemos achegarnos ao fascinante mundo das abellas e descubrir a súa importancia para a natureza e para as nosas vidas.

Antes da visita, o alumnado de 4º de Educación Primaria levou a cabo un pequeno proxecto de investigación titulado “As nosas amigas, as abellas”. A través deste traballo aprenderon moitas curiosidades sobre estes insectos tan especiais: como viven, como se organizan nunha colmea, que función desempeñan e por que son imprescindibles para o equilibrio dos ecosistemas.

Unha vez rematado o proxecto, compartiron todo o aprendido co alumnado de Infantil e Primaria mediante unha presentación moi amena e participativa. Ademais, para reforzar os contidos traballados, prepararon diferentes pasatempos e actividades relacionadas co mundo das abellas.

Mirade que ben o fixeron! 


04 xuño 2026

Dossier pedagóxico "O reino fungi"

Este curso o alumnado de Infantil embarcouse nun proxecto de investigación sobre o Reino Fungi. Todo comezou cunha provocación moi especial: na bolsa dos sombreiros máxicos apareceron uns misteriosos cogomelos que espertaron a curiosidade dos nenos e nenas. A partir dese momento, comezaron a súa investigación!

Para levar a cabo o proxecto, contaron con caixas de cogomelos que incluían diferentes ferramentas relacionadas coa súa recollida e estudo. Entre outras moitas aprendizaxes, investigaron sobre un cogomelo moi peculiar, a Fistulina hepática, coñecendo as súas características e curiosidades; sobre os cogomelos luminiscentes, capaces de emitir luz; e tamén outros moi curiosos que lles chamaron especialmente a atención, como os brincabois.

Tamén descubriron por que os cogomelos pertencen ao Reino Fungi e aprenderon as diferentes partes dun fungo: o micelio (composto de hifas), o pé, o anel, o sombreiro, as escamas e as lamelas. Ademais, aproveitaron estes contidos para traballar a lectoescritura, identificando e escribindo o nome das distintas partes dos fungos.

Outro aspecto importante da investigación foi o coñecemento do protocolo de recolección dos fungos e das ferramentas necesarias para facelo de forma responsable. Así, aprenderon para que serven o cesto, as luvas, os coitelos, as guías de identificación, os cepillos e as cámaras de fotos.

Na aula tamén gozaron de minimundos de outono nos que os grandes protagonistas eran os cogomelos, favorecendo o xogo, a observación e a creatividade.

Ao longo de todo este proceso estiveron guiados pola súa titora Belinda, utilizando como bibliografía principal os libros Reino Fungi. Mundo entretecido” e Cogumelos de Galiza”.

A continuación, deixamos unha mostra do dossier elaborado durante o proxecto para que poidades coñecer máis de preto todo o proceso de investigación.


25 maio 2026

Recreación de fondos mariños

O alumnado de 2º-3º de EP, na materia de Plástica coa profe Sarai, recrearon diferentes fondos mariños utilizando materiais sinxelos.

Para elaborar os seus traballos empregaron material de refugallo, como: rolos de papel hixiénico, esponxas vellas e distintos tipos de macarróns, aos que deron forma e cor para crear corais, algas, peixes e outros elementos do mar. A través desta actividade, ademais de traballar a imaxinación e a expresión artística, tamén reflexionaron sobre a importancia de reutilizar materiais e coidar o medio ambiente.

O resultado foi un conxunto de obras cheas de cor e conciencia ecolóxica, demostrando que é posible crear arte con materiais que normalmente acabarían no lixo.

Mirade que ben lles quedaron!







21 maio 2026

Obradoiro con follas da natureza

Hoxe tivo lugar na biblioteca un obradoiro organizado por tres alumnas de 5º-6ºEP: Noa S., Khadija e Suhaila.

A actividade consistiu na creación de animais empregando diferentes follas recollidas da contorna. Con moita ilusión e preparación, as tres alumnas guiaron ao resto dos participantes para transformar follas en diferentes animais: paxaros, ratóns e cocodrilos.

Durante o obradoiro, os nenos e nenas puideron experimentar coa súa creatividade, observando como elementos tan sinxelos da natureza poden converterse en auténticas obras de arte.

Queremos felicitar a Noa, Khadija e Suhaila pola súa iniciativa, responsabilidade e capacidade para organizar unha actividade tan entretida.

Parabéns ás tres polo traballo realizado!