24 novembro 2025

Faladoiro con Manuel

Hoxe tivemos unha visita moi interesante. Veu o pai dun dos nosos alumnos para darnos unha charla sobre medio ambiente.

Comezou explicando a importancia da auga: dos ríos, dos embalses e de como debemos usala con responsabilidade. Contounos que a auga é un recurso esencial para a vida e que non sempre somos conscientes de que pode faltar se non a coidamos.

Tamén nos falou dos motores manuais de presión, uns aparellos moi sinxelos que permiten mover auga ou aire sen gastar electricidade. Para que o entendésemos mellor, trouxo un destes motores e ensinounos como pasar a auga dunha botella a outra facendo presión de forma manual. Encantounos!

Tamén nos falou sobre a pesca e ensinounos unha unha cana de pescar, que puidemos probar todos.

Moitas gracias pola visita!







11 novembro 2025

O noso libro de follas

Como parte da exposición de produtos do outono elaboramos un libro que recolle diferentes follas da zona de Boimorto.

Cada neno/a fixo a súa aportación persoal, traendo unha folla recollida na súa casa, no xardín ou nalgún lugar significativo para el ou ela. Despois, identificáronse e organizáronse coidadosamente, acompañándoas do nome da árbore da que procedían.

O resultado é un libro colectivo que amosa a diversidade de árbores e arbustos da nosa contorna. Este libro non só garda follas: garda tamén camiñadas compartidas, curiosidade, aprendizaxe e un compromiso cun Boimorto máis sostible

Mirade o resultado!

Exposición de produtos do outono

O outono é unha das estacións máis bonitas do ano: as árbores cambian de cor, as follas caen e os froitos maduran. Isto convídanos a observar con detalle todos os cambios que se producen na natureza, a desfrutar da paisaxe e a reflexionar sobre a importancia de coidala. Por iso, organizamos na entrada do centro unha exposición sobre os produtos do outonoNa mesa da exposición puidemos ver os seguintos elementos e materiais do outono: froitas de tempada como peras, granadas, uvas e mazás; froitos secos como castañas, abelás e noces; follas de moitas cores recollidas pola zona de Boimorto e coas que creamos o libro "O noso libro de follas"; piñas e espigas para recordar o ciclo da vida das plantas. e produtos da horta como cabazas, nabizas e millo, que forman parte das colleitas do outono.

Cada alumno/a aportou un elemento e entre toda a comunidade educativa fixemos unha exposición chea de cor e vida, que encheu o centro do espírito do outono. Así, falamos sobre a importancia de coidar a natureza, de respectar os recursos naturais e de manter limpas as nosas paisaxes. Reflexionamos tamén sobre como cambian as árbores, os animais e o tempo nesta época.

📸 Nas imaxes podedes ver o resultado.









Atlas botánico

O alumnado de 6º de EP, na materia de Lingua Castelá, realizou un traballo que nos deixou a todos abraiados: crearon un atlas botánico!

Cada alumno/a escolleu unha flor que lle chamou a atención e comezou a investigala a fondo. Estudaron o seu hábitat, descubriron as súas características, aprenderon sobre oa súa estrutura vexetal e incluso recolleron algunha curiosidade de cada unha. Foi unha auténtica aventura botanista! 🌿

Unha vez que cada quen tiña a súa información, uníronse todas as fichas para formar un atlas común, no que se pode ver a enorme variedade de flores que nos rodean e aprender sobre elas dun xeito divertido e visual. Ademais, o mellor de todo é que tamén fixeron fotos e ilustracións das súas flores.

📸 Aquí podedes ver o ben que lles quedou.

10 novembro 2025

Xornada de xogos populares

Os xogos populares son moito máis ca unha forma de pasar o tempo. Son unha parte viva da memoria colectiva, que se transmitíu de pais a fillos/as, de veciños a veciñas nas aldeas e nas prazas.

Na actualidade, moitos destes xogos están desaparecendo, xa que as pantallas e o ritmo de vida fixeron que moitas nenos/as xa non coñezan xogos tradicionais como o xogo da ra, a carreira de sacos, os zancos, o tiro da corda ou os xogos con globos. Por iso consideramos importante recuperalos e darlles valor, non só como entretemento, senón como parte do noso patrimonio cultural.

Cada un destes xogos agocha unha ensinanza: o xogo da ra require puntería e precisión; a carreira de sacos mellora o equilibrio; o xogo da culler coa castaña pon a proba a concentración e a coordinación; o tiro da corda fomenta a forza e o traballo en equipo; e os xogos con globos promoven a creatividade e a cooperación. Todos eles comparten algo esencial: a diversión e o respecto entre quen xoga.

Ademais, son xogos sinxelos que non precisan materiais complicados: un saco vello, unha culler, unha castaña, unha corda…para pasar un bo rato e compartir risas. Así aprendemos tamén a valorar o que temos e a xogar respectando o medio.

E ti, a que xogabas de pequeno/a?

📸 Botádelle un ollo ao vídeo deste día tan xenial!