12 decembro 2025

Decoración sostible

No noso centro decidimos que o espírito do inverno e do Nadal tamén era unha ocasión para coidar a natureza. Por iso, puxémonos mans á obra para decoralo de maneira sostible, empregando materiais reutilizados.

O resultado foi moi acolledor, decorado con personaxes invernais elaborados con caixas de cartón ás que lles demos unha segunda vida. Así, apareceron un reno simpático, un boneco de neve expresivo, un pinguín viaxeiro e mesmo o noso querido Apalpador.

Destaca unha lareira feita tamén con cartón, que quixemos recrear como ese espazo de encontro, conversa e abrigo tan propio dos fogares galegos, á que lle engadímos leña e un toque artístico que lle dá unha calidez especial. Ademais, construímos unha árbore sostible a partir de bases triangulares de cartón. Cada alumno/a decorouna segundo o seu estilo, enchendo a árbore de cor e creatividade.



As luces decorativas foron outro exemplo de creatividade circular: elaborámolas con globos e vasos de cartón, amosando que non sempre é necesario recorrer ás luces eléctricas para crear un ambiente máxico.


Así mesmo, cada aula participou coa decoración da súa porta, converténdoa nun pequeno universo temático.

Porque coidar do planeta tamén pode ser creativo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario