17 xuño 2026

Dossier pedagóxico sobre as cegoñas

O alumnado de Infantil elaborou un dossier pedagóxico sobre as cegoñas no que recolleron todo o aprendido durante a súa investigación. Así, descubriron que as cegoñas proceden do norte e do centro de África e aprenderon tamén as partes do seu corpo: a cabeza, o pescozo, as ás, o peteiro, a plumaxe e as patas.

Investigaron como viven en familia e souberon que está formada por unha parella, composta por un macho e unha femia. Ademais, coñeceron unha das características máis curiosas das cegoñas: o son que producen ao bater os picos, chamado crotoreo.

Observaron que os pitos e as cegoñas novas teñen o peteiro e as patas de cor negra, mentres que nas cegoñas adultas estas partes son de cor laranxa. Tamén descubriron que se alimentan de peixes, ratos, larvas, vermes, insectos, crustáceos e moluscos.

En canto aos ovos, aprenderon que son de cor branca e que miden aproximadamente 7 centímetros, o que equivale a uns catro policubos. Tamén mediron unha pluma de cegoña, comprobando que pode chegar a medir 44 centímetros, é dicir, uns 22 policubos.

Con moita curiosidade e entusiasmo, os nenos e nenas investigaron, observaron, mediron e compartiron os seus descubrimentos, creando un dossier moi completo que lles permitiu coñecer mellor estas aves tan especiais.

Parabéns polo excelente traballo realizado!

13 xuño 2026

Viaxe escolar a Cantabria

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria realizou unha inesquecible viaxe escolar a Cantabria, unha experiencia na que puidemos aprender sobre a natureza, a historia e a importancia de conservar o noso patrimonio natural e cultural.

O primeiro día visitamos o Parque da Natureza de Cabárceno, un espazo único onde os animais viven nun entorno o máis parecido posible ao seu hábitat natural. Percorremos os seus máis de 20 quilómetros de estradas, rodeados de impresionantes desfiladeiros, lagos e curiosas formacións rochosas. Durante a visita observamos numerosas especies animais e reflexionamos sobre a importancia da biodiversidade e da protección dos ecosistemas para garantir un futuro sostible.








O segundo día achegámonos á Cova-Museo de Altamira, un lugar fundamental para comprender a vida dos nosos antepasados. Na exposición permanente coñecimos como vivían os grupos de cazadores e recolledores do Paleolítico, as súas costumes e a súa relación coa natureza. Tamén visitamos a Neocova, unha reprodución da cova orixinal que nos permitiu admirar os bisontes, cervos, cabalos e mans pintados hai arredor de 15.000 anos. Esta visita axudounos a valorar a necesidade de conservar o patrimonio histórico e cultural para as xeracións futuras.





Tamén paseamos por Santillana del Mar, unha das vilas máis fermosas e mellor conservadas de Cantabria. As súas rúas empedradas transportáronnos a outras épocas e permitíronnos descubrir a riqueza arquitectónica e cultural deste lugar.

Esta viaxe foi moito máis que unha saída escolar. A través da observación da paisaxe, do contacto coa natureza e do coñecemento da nosa historia, aprendemos que a sustentabilidade tamén implica respectar, coidar e conservar o patrimonio natural e cultural que herdamos. 

Foron dous días cheos de aprendizaxes e momentos inesquecibles.

09 xuño 2026

Saída didáctica a PoboAventura

O alumnado de Infantil e Primaria gozou dunha fantástica xornada en PoboAventura (Curtis), un espazo de ocio educativo e turismo de natureza situado na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

O alumnado de Infantil e 1ºEP participou nunha busca de tesouros na natureza, percorrendo a contorna do río Carregal e seguindo pistas que os levaron a descubrir diferentes elementos que forman parte do ecosistema do río. A experiencia completouse cun contacontos de natureza, protagonizado por un neno e unha nena que, a través dunha historia interactiva no bosque, ensinaron como sentir, valorar e axudar á natureza. A xornada rematou con xogos populares.

O alumnado de 2ºEP, 3ºEP e 4ºEP converteuse en auténticos exploradores participando nunha actividade de rastrexo no medio natural. Durante unha ruta ao carón do río, tiveron que localizar pistas e superar probas relacionadas co ecosistema do río, poñendo a proba a súa capacidade de observación e traballo en equipo. Tamén realizaron a Xincana dos Pobos, unha auténtica viaxe no tempo a través do museo, onde descubriron como vivían os nosos antepasados. Convertéronse en primitivos, castrexos e romanos, participando en diferentes xogos e desafíos relacionados con cada época histórica. Ademais, gozaron dos ecoxogos, unha serie de actividades elaboradas con materiais naturais e de refugallo, que lles permitiron reflexionar sobre a reutilización e o aproveitamento responsable dos recursos.

Por último, o alumnado de 5ºEP e 6ºEP participou nas mesmas propostas, pero cun nivel de dificultade adaptado á súa idade. As probas incluíron retos máis complexos, actividades que requirían unha maior capacidade de análise e cooperación, así como unha interesante iniciación ao tiro con arco, que espertou un gran interese.

Mirade que ben o pasaron! 














08 xuño 2026

As nosas amigas, as abellas

Como xa vistes en entradas anteriores, este curso o alumnado de Infantil e Primaria realizou unha interesante saída ao Enredo do Abelleiro, onde puidemos achegarnos ao fascinante mundo das abellas e descubrir a súa importancia para a natureza e para as nosas vidas.

Antes da visita, o alumnado de 4º de Educación Primaria levou a cabo un pequeno proxecto de investigación titulado “As nosas amigas, as abellas”. A través deste traballo aprenderon moitas curiosidades sobre estes insectos tan especiais: como viven, como se organizan nunha colmea, que función desempeñan e por que son imprescindibles para o equilibrio dos ecosistemas.

Unha vez rematado o proxecto, compartiron todo o aprendido co alumnado de Infantil e Primaria mediante unha presentación moi amena e participativa. Ademais, para reforzar os contidos traballados, prepararon diferentes pasatempos e actividades relacionadas co mundo das abellas.

Mirade que ben o fixeron! 


04 xuño 2026

Dossier pedagóxico "O reino fungi"

Este curso o alumnado de Infantil embarcouse nun proxecto de investigación sobre o Reino Fungi. Todo comezou cunha provocación moi especial: na bolsa dos sombreiros máxicos apareceron uns misteriosos cogomelos que espertaron a curiosidade dos nenos e nenas. A partir dese momento, comezaron a súa investigación!

Para levar a cabo o proxecto, contaron con caixas de cogomelos que incluían diferentes ferramentas relacionadas coa súa recollida e estudo. Entre outras moitas aprendizaxes, investigaron sobre un cogomelo moi peculiar, a Fistulina hepática, coñecendo as súas características e curiosidades; sobre os cogomelos luminiscentes, capaces de emitir luz; e tamén outros moi curiosos que lles chamaron especialmente a atención, como os brincabois.

Tamén descubriron por que os cogomelos pertencen ao Reino Fungi e aprenderon as diferentes partes dun fungo: o micelio (composto de hifas), o pé, o anel, o sombreiro, as escamas e as lamelas. Ademais, aproveitaron estes contidos para traballar a lectoescritura, identificando e escribindo o nome das distintas partes dos fungos.

Outro aspecto importante da investigación foi o coñecemento do protocolo de recolección dos fungos e das ferramentas necesarias para facelo de forma responsable. Así, aprenderon para que serven o cesto, as luvas, os coitelos, as guías de identificación, os cepillos e as cámaras de fotos.

Na aula tamén gozaron de minimundos de outono nos que os grandes protagonistas eran os cogomelos, favorecendo o xogo, a observación e a creatividade.

Ao longo de todo este proceso estiveron guiados pola súa titora Belinda, utilizando como bibliografía principal os libros Reino Fungi. Mundo entretecido” e Cogumelos de Galiza”.

A continuación, deixamos unha mostra do dossier elaborado durante o proxecto para que poidades coñecer máis de preto todo o proceso de investigación.