O alumnado de Infantil e Primaria realizou unha saída a
Portodemouros (Arzúa) para visitar “O Enredo do Abelleiro” e o seu “Museo
Vivente do Mel”, para coñecer máis en profundidade o mundo das abellas e a
importancia que teñen na natureza. 🐝
Durante a visita, explicáronnos moitas curiosidades sobre
estes insectos tan necesarios para o medio ambiente. Aprendemos a diferenciar
entre a abella raíña, as obreiras e os zánganos.
Contáronnos que a raíña é a única femia fértil da
colmea e a súa función é poñer ovos, chegando a poñer 3.000 ao día. Aliméntase
sempre de xelea real e pode vivir ata 5 anos. Só sae da colmea nos voos de
fecundación ou cando se forma un enxame. Ten o aguillón máis grande ca as
abellas obreiras, que pode usar varias veces. As abellas obreiras son
femias infértiles que viven entre 35 e 45 días na primavera e no verán. Tardan
21 días en facerse adultas e aliméntanse de xelea real nos primeiros días e
despois de mel e pole. Ao longo da súa vida realizan diferentes tarefas na
colmea: primeiro limpan e alimentan as larvas, despois elaboran cera, ventilan
e defenden a colmea, e finalmente recollen pole e néctar ata a súa morte. Por
último, os zánganos son os machos da colmea e viven unicamente na
primavera e no verán. A súa principal función é fecundar á abella raíña durante
o voo; despois da cópula, morren.
Ademais, tivemos a oportunidade de achegarnos aos apiarios
e descubrir como viven e traballan as abellas.
Tamén realizamos dous obradoiros! Nun deles, cada alumno/a
envasou un tarriño de mel que levou para casa e, no outro, elaboraron dous
tipos diferentes de velas feitas con cera de abella. Encantoulles!
Moitas gracias a todo o persoal do Enredo Abelleiro pola súa
acollida. 🐝