20 maio 2026

Senda das cegoñas de Maceda

O alumnado de Infantil está realizando un proxecto de investigación sobre as cegoñas, unha experiencia que está a espertar moita curiosidade e entusiasmo na aula. Nesta ocasión, realizaron unha saída ata Maceda (Ourense) para observar máis de preto o hábitat destas aves e seguir recompilando información sobre os seus costumes, os niños e a súa relación coa paisaxe.

Esta actividade puido levarse a cabo grazas á colaboración da asociación Amigas das Cegoñas, que acompañou ao alumnado nesta experiencia e lles axudou a descubrir moitas curiosidades sobre estas aves. Ademais, tivemos a oportunidade de compartir a xornada co alumnado do colexio de Maceda, facendo da visita unha experiencia de convivencia.

Ao longo deste proxecto descubriron moitas curiosidades sobre as cegoñas: as cores das súas plumas, brancas e negras, o tamaño e a forma dos seus niños, como son os ovos, as longas patas e o peteiro, así como os “polluelos”, que medran protexidos polos seus pais nos niños situados en lugares altos. Tamén aprenderon sobre as súas costumes, observando con moita atención cada detalle.

Esta investigación naceu a partir do interese do propio alumnado e foi medrando pouco a pouco grazas ás preguntas, ás pescudas e ás experiencias compartidas. O proxecto tivo ademais unha repercusión moi especial, xa que a iniciativa apareceu recollida no xornal Faro de Vigo, onde se destaca como un avistamento fortuíto acabou converténdose nun interesante traballo de investigación escolar.

ENLACE Á NOTICIA. 










Seguiremos compartindo convosco todo o que vaiamos descubrindo sobre as cegoñas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario