Este curso o alumnado de Infantil embarcouse nun proxecto
de investigación sobre o Reino Fungi. Todo comezou cunha provocación moi especial: na bolsa dos
sombreiros máxicos apareceron uns misteriosos cogomelos que espertaron a
curiosidade dos nenos e nenas. A partir dese
momento, comezaron a súa investigación!
Para levar a cabo o proxecto, contaron con caixas de
cogomelos que incluían diferentes ferramentas relacionadas coa súa
recollida e estudo. Entre outras moitas aprendizaxes, investigaron sobre un
cogomelo moi peculiar, a Fistulina hepática, coñecendo as súas
características e curiosidades; sobre os cogomelos luminiscentes,
capaces de emitir luz; e tamén outros moi curiosos que lles chamaron
especialmente a atención, como os brincabois.
Tamén descubriron por que os cogomelos pertencen ao Reino
Fungi e aprenderon as diferentes partes dun fungo: o micelio (composto de hifas), o pé, o
anel, o sombreiro, as escamas e as lamelas. Ademais, aproveitaron estes
contidos para traballar a lectoescritura, identificando e escribindo o nome das
distintas partes dos fungos.
Outro aspecto importante da investigación foi o
coñecemento do protocolo de recolección dos fungos e das ferramentas
necesarias para facelo de forma responsable. Así, aprenderon para que serven o
cesto, as luvas, os coitelos, as guías de identificación, os cepillos e as
cámaras de fotos.
Na aula tamén gozaron de minimundos de outono nos
que os grandes protagonistas eran os cogomelos, favorecendo o xogo, a
observación e a creatividade.
Ao longo de todo este proceso estiveron guiados pola súa
titora Belinda, utilizando como bibliografía principal os libros “Reino
Fungi. Mundo entretecido” e “Cogumelos de Galiza”.
A continuación, deixamos unha mostra do dossier elaborado
durante o proxecto para que poidades coñecer máis de preto todo o proceso de
investigación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario