O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria
realizou unha inesquecible viaxe escolar a Cantabria, unha experiencia na que
puidemos aprender sobre a natureza, a historia e a importancia de conservar o
noso patrimonio natural e cultural.
O primeiro día visitamos o Parque da Natureza de
Cabárceno, un espazo único onde os animais viven nun entorno o máis
parecido posible ao seu hábitat natural. Percorremos os seus máis de 20
quilómetros de estradas, rodeados de impresionantes desfiladeiros, lagos e
curiosas formacións rochosas. Durante a visita observamos numerosas especies
animais e reflexionamos sobre a importancia da biodiversidade e da protección
dos ecosistemas para garantir un futuro sostible.
O segundo día achegámonos á Cova-Museo de Altamira, un lugar fundamental para comprender a vida dos nosos antepasados. Na exposición permanente coñecimos como vivían os grupos de cazadores e recolledores do Paleolítico, as súas costumes e a súa relación coa natureza. Tamén visitamos a Neocova, unha reprodución da cova orixinal que nos permitiu admirar os bisontes, cervos, cabalos e mans pintados hai arredor de 15.000 anos. Esta visita axudounos a valorar a necesidade de conservar o patrimonio histórico e cultural para as xeracións futuras.
Tamén paseamos por Santillana del Mar, unha das vilas máis fermosas e mellor conservadas de Cantabria. As súas rúas empedradas transportáronnos a outras épocas e permitíronnos descubrir a riqueza arquitectónica e cultural deste lugar.
Esta viaxe foi moito máis que unha saída escolar. A través da observación da paisaxe, do contacto coa natureza e do coñecemento da nosa historia, aprendemos que a sustentabilidade tamén implica respectar, coidar e conservar o patrimonio natural e cultural que herdamos.
Foron dous días cheos de aprendizaxes e momentos inesquecibles.














Ningún comentario:
Publicar un comentario