08 maio 2026

O Enredo do Abelleiro

O alumnado de Infantil e Primaria realizou unha saída a Portodemouros (Arzúa) para visitar “O Enredo do Abelleiro” e o seu “Museo Vivente do Mel”, para coñecer máis en profundidade o mundo das abellas e a importancia que teñen na natureza.  🐝

Durante a visita, explicáronnos moitas curiosidades sobre estes insectos tan necesarios para o medio ambiente. Aprendemos a diferenciar entre a abella raíña, as obreiras e os zánganos.

Contáronnos que a raíña é a única femia fértil da colmea e a súa función é poñer ovos, chegando a poñer 3.000 ao día. Aliméntase sempre de xelea real e pode vivir ata 5 anos. Só sae da colmea nos voos de fecundación ou cando se forma un enxame. Ten o aguillón máis grande ca as abellas obreiras, que pode usar varias veces. As abellas obreiras son femias infértiles que viven entre 35 e 45 días na primavera e no verán. Tardan 21 días en facerse adultas e aliméntanse de xelea real nos primeiros días e despois de mel e pole. Ao longo da súa vida realizan diferentes tarefas na colmea: primeiro limpan e alimentan as larvas, despois elaboran cera, ventilan e defenden a colmea, e finalmente recollen pole e néctar ata a súa morte. Por último, os zánganos son os machos da colmea e viven unicamente na primavera e no verán. A súa principal función é fecundar á abella raíña durante o voo; despois da cópula, morren.

Ademais, tivemos a oportunidade de achegarnos aos apiarios e descubrir como viven e traballan as abellas.

Tamén realizamos dous obradoiros! Nun deles, cada alumno/a envasou un tarriño de mel que levou para casa e, no outro, elaboraron dous tipos diferentes de velas feitas con cera de abella. Encantoulles!

Moitas gracias a todo o persoal do Enredo Abelleiro pola súa acollida. 🐝








Ningún comentario:

Publicar un comentario